CRTVG

Buscar

A OCDE corrixe e España queda por baixo da media en test da COVID-19

Publicado o 28/04/2020 16:40

A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico corrixiu este martes as cifras sobre España que publicara o luns sobre o número de tests PCR realizados. Segundo estas correccións, España xa non estaría na oitava posición dos países membros, senón que pasaría a ocupar a décimo sétima e situaríase por baixo da media. 

A OCDE dixo nun comunicado lamentar "a confusión creada nunha cuestión sensible por un debate sobre cuestións metodolóxicas", en alusión a que nun principio sumara no caso de España as cifras das probas PCR de detección coas serolóxicas, cando para o resto dos países só se contabilizaban as primeiras.

Publicou unha nova táboa comparativa cos datos actualizados dos 36 Estados da organización tomados da plataforma Our World in Data, da Universidade de Oxford. 

Deste xeito, España ocupa a décimo sétima posición con 22,3 test por cada 1.000 habitantes, por baixo da media de 23,1. Entre os países que lideran a lista están Islandia (135), Luxemburgo (64,6) ou Italia (29,7).

Despois de rectificar o seu documento para incluír só as probas PCR, a OCDE lebrou que os tests serolóxicos, "estean ou non incluídos nas comparacións, son ferramentas importantes para informar da estratexia para loitar contra a pandemia". E inciden en que "o aspecto máis fundamental é que os países, incluída España, incrementaron o número de tests dispoñibles, o que amosa a prioridade que lle dan, xa que é o elemento máis importante para mellorar a súa capacidade para controlar a propagación do virus".