A nova normalidade achega visitantes a Galicia nun mes con boas perspectivas
A nova normalidade está propiciando que no plano turístico Galicia volva estar en números moi semellantes aos de antes da pandemia. Esta ponte do Pilar é un claro exemplo.
Ás portas do parador de Baiona, a entrada de turistas é constante ao longo da mañá deste domingo. A meirande parte dos visitantes que elixiron esta vila veñen de Madrid, pero tamén atopamos galegos que se deixan namorar por unha paisaxe de costa espectacular.
O sector está moi sorprendido, ante un mes de outubro que promete boas cifras de ocupación. No centro de Baiona a estampa é similar. Máis balbordo polas rúas e restaurantes cos últimos preparativos antes de comezar un servizo que un día máis será bo.
Porque moitos representantes do sector xa daban por terminada a tempada. Con todo, as boas previsións fixeron que moitos restaurantes sigan abertos e traballando coma nun día de verán. O recibimento está sendo inmellorable. E o tempo é o mellor aliado.
Esta vila mariñeira, que é todo un referente na época estival, prepárase para un outono de moita actividade.