CRTVG

Buscar

A nova lei de tráfico mantén, de momento, a marxe de 20 km/h para adiantar

Publicado o 30/09/2021 18:26

• A norma castiga con seis puntos menos o uso do móbil e con catro non levar o cinto de seguridade

EFE

A Comisión de Interior do Congreso aprobou este xoves a nova lei de tráfico que mantén a posibilidade que teñen os turismos e as motocicletas de pasar en 20 km/ h os límites xenéricos de velocidade fixados para as estradas convencionais nos adiantamentos.

 A supresión desa marxe era unha aposta do Executivo e da Dirección Xeral de Tráfico que, por sorpresa (o que se interpreta como un erro dun deputado), cae da lei, aínda que o texto debe pasar aínda polo Senado, onde o PSOE ten intención de introducilo en forma de emenda.

A nova norma, que pasará a chamarse lei de Tráfico, Circulación e Seguridade viaria, aumenta de tres a seis os puntos para detraer do carné por conducir "suxeitando o móbil coa man". Tamén eleva de tres a catro os puntos que se poden perder por non utilizar, ou facelo de forma incorrecta, o cinto de seguridade, os sistemas de retención infantil, o casco e outros elementos de protección.

Ademais, establece que os condutores de vehículos de mobilidade persoal, como os patinetes, estarán obrigados a utilizar casco de protección nos termos que regulamentariamente se determinen, unha medida que se incluíu no texto a través de emenda.

A pesar de que o proxecto de lei recollía a supresión da marxe de 20 km/ h nos adiantamentos en estradas convencionais, no texto final mantense ao aprobar a Comisión unha emenda do deputado do BNG Néstor Rego. Con todo, foron rexeitadas as emendas do PP, Vox, ERC e PNV no mesmo sentido, o que fontes parlamentarias achacaron a un erro dalgún deputado ao votar a do BNG, que saíu adiante soamente por un voto de diferenza.

Fontes socialistas sinalaron a EFE que confían en que a medida sexa revogada no Senado, onde a lei continuará a súa tramitación parlamentaria ao ser aprobada na Comisión de Interior con competencia lexislativa plena. Este era un dos puntos máis polémicos do proxecto de lei e, mentres que para o Goberno e os dous partidos que o sustentan (PSOE e Unidas Podemos) é unha medida encamiñada a salvar vidas, os grupos que se opoñen cren que suprimir esa marxe supón un perigo, xa que retarda a manobra de adiantamento e aumenta a distancia que se percorre para pasar ao vehículo que se quere adiantar.

Outra das novidades que incorpora a norma é que a partir do 6 xullo do ano do 2022 os condutores profesionais deberán dispoñer de alcoholímetros antiarranque, chamados "alcolock", un sistema de control que impide poñer o motor en marcha se se supera o límite legal de alcol. A medida, unha emenda transaccional, afecta os condutores de vehículos do transporte de mercadorías e de viaxeiros que teñan máis de oito prazas, ademais do asento do condutor, informaron a EFE fontes parlamentarias.

Levar no coche mecanismos de detección de radares ou cinemómetros, aínda que se desactiven, será considerado unha infracción grave multada con 500 euros e implicará a perda de tres puntos. Así mesmo, poderanse recuperar dous puntos do carné con cursos de condución segura certificados pola DXT; e unifícase en dous anos o prazo sen cometer infraccións para recuperar o saldo inicial de puntos, independentemente da gravidade da infracción cometida.

Outra das incorporacións ao texto inicial é a obriga dos condutores de cambiar de carril cando adianten a unha bicicleta ou un ciclomotor e a calzada conte con máis dun carril por sentido. Vía emenda transaccional incorporouse tamén unha nova disposición adicional que establece que os cursos de concienciación e sensibilización que se puidesen establecer poderán impartirse tamén en liña sempre que se asegure a interacción. O contido dos mesmos determinarase de forma regulamentaria previa consulta coas asociacións de vítimas. 

 

 


.

Noticias web

30/09/2021