CRTVG

Buscar

A nova desescalada en Cataluña comeza o luns cos bares ao 30 por cento

Publicado o 19/11/2020 14:48

A Generalitat aproba este xoves o seu plan de desescalada, progresivo, e en 4 fases. A primeira comeza o luns, coa apertura ao 30 por cento da hostalería, e os teatros, cines e instalacións deportivas ao aire libre, ao 50 por cento. O toque de queda e o peche perimetral manteranse ata despois do Nadal.

Pere Aragonés, presidente da Generalitat, di que tras pasar por medidas duras e restritivas, e tras sortear o peor momento sanitario da pandemia, agora é o momento de iniciar a flexibilización.

Cataluña é, xunto con Murcia e Madrid, unha das comunidades que piden facer tests de antíxenos nas farmacias. Sanidade non é partidaria, pero nas últimas horas abriu a porta a estudalo.

Salvador Illa, ministro de Sanidade, di que "as comunidades que o desexen, que presenten un plan explicando o que queren facer e como queren facelo".

A presidenta madrileña celebrou nun chío a decisión, e xa anuncia que a comunidade traballa nun plan que presentará ante o Ministerio o antes posible. O Goberno rexional tamén prevé poñer en marcha nos vindeiros días a Cartilla Covid, que polo momento so será informativa.

Os expertos sanitarios insisten en que os datos epidemiolóxicos non permiten polo momento baixar a garda. Por iso a maioría das comunidades prolongan as restricións. É o caso de Castela e León, que ao igual que Asturias, e Cantabria amplía o peche perimetral da comunidade dúas semanas máis.

Noticias web

19/11/2020