CRTVG

Buscar

A nova cepa do virus deixa no aire os plans dos galegos residentes no Reino Unido

Publicado o 21/12/2020 14:38

• Algúns tamén se ven afectados pola obriga de facer unha PCR ao volver a España

• O Goberno de Boris Johnson confinará 20 millóns de persoas e paraliza a actividade non esencial durante dúas semanas

• 17 países europeos xa suspenderon voos co territorio británico

A nova variante do coronavirus deixa no aire os plans de volver á casa de moitos galegos residentes no Reino Unido.

Marga Sanz, unha galega que vive en Londres di que leva xa un ano sen poder ir á casa, e que agora tampouco poderá facelo.

Algúns tamén se ven afectados pola obriga de facer unha PCR ao volver a España. "Obrígannos a ir a un laboratorio privado, porque España non acepta as PCR realizadas pola seguridades social do Reino Unido", explica Adrián Romay, un galego residente en Edimburgo.

A nova cepa está, en palabras do executivo británico, fóra de control e pon en xaque o país.

Isabel Bandín, viróloga da USC, di que non é máis letal, nin causa enfermidade máis seria, pero contáxiase moito máis rápido. "Se empeza a circular por Europa, vai haber moitísima máis xente infectada", asegura.

Por iso, en pleno Nadal, o Goberno de Boris Johnson confinará 20 millóns de persoas e paralizará a actividade non esencial dúas semanas, mentres 17 países europeos xa suspenderon voos co territorio británico.

"Complica o panorama da vacinación, porque debería facerse con persoas non infectadas; se se expande moito esta variante van ter un problema, non van poder vacinar a todo o mundo que pensaban, polo menos non tan rápido", explica Bandín.

O illamento do Reino Unido prodúcese ademais na última recta das negociacións para o acordo comercial pos-brexit.

Noticias web

21/12/2020