CRTVG

Buscar

A Noitevella chega cunha repunta de contaxios e con condicións para a mobilidade

Publicado o 31/12/2020 09:20

Chegamos á Noitevella máis atípica, en que está permitida a mobilidade entre concellos, mesmo os perimetrados, e amplíase ademais o toque de queda á unha e media da noite. Pero as cifras de contaxios non dan tregua, continúan subindo e fan temer nunha terceira onda para xaneiro.

Remata 2020 con cifras preocupantes de contaxios. Nas últimas horas confirmáronse 441 positivos con proba PCR, a cifra máis elevada en máis dun mes. Os casos activos volven estar por riba dos 5.600. Os expertos alertan ademais de que a meirande parte dos contaxios se producen entre xente nova.

A esta repunta de casos súmase a preocupación pola presenza da cepa británica na nosa comunidade, que se sospeita que é máis contaxiosa. Sanidade confirmou que o primeiro caso en Galicia é un paciente da área sanitaria de Santiago que viaxou hai pouco desde o Reino Unido. Hai outros seis casos sospeitosos na Mariña vinculados a unha mesma familia procedente de Londres. Viaxaron coa súa PCR negativa pero ao pouco de chegar comezaron a ter síntomas.

"Hai un grupo familiar importante, de orixe inglesa, non son galegos. E tamén outra persoa que é contacto estreito deste grupo e que tamén están en estudo", explicaba o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

As autoridades sanitarias temen que a repunta de casos siga á alza nas próximas semanas porque aínda non se contabilizaron os contaxios derivados das reunións familiares de Noiteboa e Nadal e faltan por celebrar a Noitevella e Reis.

Por iso seguen recomendando que os desprazamentos autorizados hoxe e mañá sexan exclusivamente para reunións familiares e máximo dúas unidades. Pero, insisten, se se poden evitar, mellor quedar na casa.

Unha recomendación que algúns van respectar. Pero son moitos os que aproveitan este permiso temporal de mobilidade para ver a familia tras semanas de peches ou mesmo meses.

O rexistro de viaxeiros é obrigatorio para todos aqueles que cheguen de lugares cun nivel de incidencia igual ou superior a 250 casos por cada 100.000 habitantes.

A partir de mañá ás once da noite, volven activarse os peches perimetrais naqueles concellos nos que xa estaban vixentes.

Noticias web

31/12/2020