A neve mantén restrinxido o tráfico de camións en Pedrafita

As intensas nevaradas das últimas xornadas manteñen restrinxida a circulación para camións e outros vehículos pesados na autovía do Noroeste, a A−6, ao seu paso por Pedrafita do Cebreiro e As Nogais, na provincia de Lugo.
A Dirección Xeral de Tráfico mantén esta restrición activada desde a tarde de onte martes.
Tamén está restrixido o tráfico para camións na vía autonómica LU-633 entre Pedrafita do Cebreiro e Triacastela. Segundo informa a DXT, nin camións nin vehículos articulados poden circular entre os quilómetros 0 e 22 desa vía autonómica, no tramo que coincide co Alto do Poio, en Pedrafita do Cebreiro.
Tampouco poden circular os vehículos pesados polos 21 primeiros quilómetros da estrada provincial LU- P-3701, no municipio das Nogais.
Ademais, unha xornada máis hai dificultades na autovía A−8 ao seu paso por Mondoñedo. Tráfico mantén activado un aviso por baixa visibilidade a causa da néboa.
Por outra banda, un desprendemento de pedras tamén mantén cortada en Naraxa a estrada que comunica A Fonsagrada co Principado de Asturias.
A Deputación de Lugo mantivo activo nas últimas horas un dispositivo composto por 24 operarios e 12 equipos, formados por máquinas quitaneves e vehículos todo terreo, para despexar as estradas máis afectadas polo temporal, tanto pola neve como pola caída de árbores.
Houbo que actuar nunha vintena de estradas de Cervantes, Pedrafita do Cebreiro, A Fonsagrada e Navia de Suarna, na montaña; pero tamén en lugares como Samos, Quiroga e O Incio, na zona sur.