CRTVG

Buscar

A neve complica a circulación nas estradas galegas

Publicado o 04/12/2020 14:38

• Unha ducia de vías principais e máis dun cento das secundarias, afectadas polas nevaradas

• O temporal de chuvia provoca ducias de accidentes

• Trinta e sete provincias españolas están en alerta

 

O temporal Dora xa causou máis dun cento de incidentes en Galicia, e case a metade están relacionados co tráfico rodado, que se está a ver seriamente comprometido polas precipitacións de neve. A provincia de Lugo é a máis afectada, con máis dunha ducia de vías principais afectadas e mesmo restricións para os camións e vehículos articulados. Ademais, os problemas ocasionados pola neve impediron que máis de 1.000 alumnos acudiran ás clases.

De feito, as precipitacións de neve que caeron a pasada madrugada obrigaron a Garda Civil de Tráfico a illar camións e articulados en varios puntos da autovía do Noroeste (A-6) ao seu paso pola provincia de Lugo, dado que as condicións da vía obrigaron a prohibir o tránsito para este tipo de vehículos pesados.

 

A Dirección Xeral de Tráfico (DXT), a neve condiciona a circulación na A-6 ao seu paso pola cidade de Lugo. Tamén por Pedrafita do Cebreiro, onde é transitable con precaución.

Aínda non amencera cando os vehículos pesados foron illados, por precaución, no municipio do Corgo, nos quilómetros 484 e 479, e no concello de Baralla, no punto quilómetro 461 da autovía do Noroeste.

A DXT tamén informa de problemas en distintos puntos da N-VI.

Recoméndase circular con precaución polo corredor Lugo-Monforte, concretamente entre os quilómetros 17 e 40. 

Nas estradas provinciais, a situación é, mesmo máis difícil. O dispositivo de vialidade invernal da Deputación de Lugo, cun cento de operarios e 20 máquinas quitaneves, tamén traballa para despexar de neve máis de 120 estradas afectadas en 19 municipios da Montaña, a Terra Chá e o sur da provincia. Nestas zonas, as intensas nevaradas caídas chegaron a provocar espesores de entre 10 e 15 centímetros e formaron placas de xeo.

Hai tramos afectados en estradas da Fonsagrada, Baleira, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Quiroga, Ribas de Sil, O Incio, Samos, Triacastela, Muras, Vilalba, Ourol e Taboada.

Dispositivo especial na cidade de Lugo

O Concello de Lugo viuse na obriga de activar un "dispositivo especial de seguridade" na cidade polas precipitacións de neve. Zonas como as inmediacións do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) ou os accesos aos centros educativos están recibindo especial atención para evitar accidentes.

Na provincia da Coruña a neve tamén orixina problemas de tráfico, sobre todo na N-634 no Apeadoiro e Curtis, nun tramo de 8 quilómetros.

Na provincia de Ourense tamén hai problemas na A−52, á altura de Trasmiras, e hai precipitacións de neve en distintos puntos da provincia.