A neve cobre de branco as zonas máis altas da provincia de Lugo
Na provincia de Lugo un dos peores puntos está no Cebreiro, situado a 1.300 metros de altitude. A neve cae seguido, de xeito que comeza a afectar ás estradas. Recoméndase circular con moita precaución na vía que une Pedrafita co alto do Poio.
As máquinas quitaneves ocúpanse de manter limpas as estradas. As folerpas non deixan de amorarse.
Facer o Camiño non é fácil cando o manto branco o cobre todo.
Os turistas achéganse ao Cebreiro, coa neve como un atractivo engadido. En plena primavera, que todo estea cuberto de branco non deixa de sorprender. O peor é a sensación de frío. A máxima para hoxe no Cebreiro é de catro graos.
Nesta zona da montaña de Lugo lembran nevaradas mesmo no mes de maio. Coa neve caída onte á noite, o manto branco no Cebreiro xa supera os cinco centímetros.