A néboa e a xeada aumentan o risco nas estradas galegas
Durante o inverno a prevención e a prudencia son regras básicas, aseguran dende a Dirección Xeral de Tráfico. A xeada é unha das grandes causantes de sinistros nas estradas, ademais da néboa, factores cos que amenceu nesta xornada gran parte de Galicia, especialmente no interior. As autoridades recomendan levar lanterna de emerxencia, baeta antibafo e rasqueta para o xeo. Os máis madrugadores, de feito, atoparon dificultades para abrir as portas dos coches e para desconxelar os parabrisas.
Falan os condutores: "Pois nada, costou abrir as portas, entón o que fixemos foi, antes de encendelo, botámoslle agua, para que fora saíndo o xeo e agora nada cos limpaparabrisas e coa axuda do aire acondicionado, para que vaia derretendo todo e poder arrancar".
"Hai que volver a botarlle alcol aos parabrisas. É un remedio que e recomendou un ferreteiro, porque a auga pode meterte en problemas, porque conxélase outra vez, enseguida".
Daniel Castelo, sarxento primeiro da Garda Civil de Tráfico do Porriño: "Recomendarlle aos condutores que moderen a velocidade. Son días nos que sole haber, polas noites e ao amencer, xeadas, nevadas, sarabiadas intensas. Neste caso, é fundamental adecuar a velocidade ao estado das circunstancias da vía".
Para o luns o risco de xeada será máis débil, probable só para as zonas altas da montaña de Ourense. No resto da comunidade agárdase unha xornada de ceos cubertos e chuvias. Pero hoxe houbo e aínda hai que prestar atención ás néboas e ao xeo na provincia de Lugo e A Coruña e na zona do alto de Allariz, en Ourense, con estradas afectadas polas condicións meteorolóxicas adversas.