CRTVG

Buscar

A nai: "É un depredador reincidente, que non debería estar na rúa"

Publicado o 10/04/2019 17:46

Expectación máxima ás portas do xulgado de Santiago para poder ver por primeira vez sentado no banco dos acusados a Xosé Enrique Abuín Gey. Minutos despois das 9 e media chegou nun furgón policial desde o cárcere de Teixeiro, onde pasou a noite, xa que permanece en prisión provisional en Mansilla de las Mulas, en León, desde xaneiro de 2018.

Pouco antes chegaba para asistir como público á vista Juan Carlos Quer, o pai de Diana Quer, que quixo apoiar e acompañar a Eli, a nai da moza de Boiro á que o Chicle supostamente intentou secuestrar e agredir sexualmente, e que aínda non foi quen de superar a terrible experiencia vivida.

O pai de Diana Quer confía en que este xuízo sirva para acreditar a maneira de actuar do Chicle e o seu perfil de depredador sexual. Unha cuestión que sería moi valiosa tamén para o posterior xuízo polo crime da súa filla.

A expectación xerada polo caso obrigou a adoptar medidas excepcionais nos xulgados composteláns. Habilitouse a sala de vodas para acoller o xuízo por ser a máis grande e unha sala de prensa para acoller os 30 medios acreditados, que poden seguir alí o sinal en directo da vista.

Unha vez rematada a primeira xornada do xuízo, o pai de Diana Quer e a nai da moza de Boiro expresaron as sensacións que tiveron na sala, tras escoitar e ver as declaracións do Chicle. Juan Carlos Quer subliñou a súa incoherencia e cualificou a súa actitude de covarde. Eli, a nai da rapaza insistiu en definilo como un depredador sexual reincidente.

Noticias web

10/04/2019