CRTVG

Buscar

A nai dos nenos de Godella ingresa en prisión acusada dun delito dobre de asasinato

Publicado o 17/03/2019 17:03

A nai dos nenos asasinados en Godella ingresou hai dúas horas no cárcere de Picassent, o mesmo no que está a súa parella. Acúsaa dun delito dobre de asasinato, idéntica catalogación penal que para o pai de Amiel e Ixche. Tomoulle declaración esta mañá na unidade psiquiátrica do hospital no que estaba ingresada unha vez que os forenses determinaron que estaba mentalmente capacitada para facelo.

Despois das once e media o xuíz instrutor do caso do parricidio de Godella entraba no hospital de Llíria, no que permanecía ingresada desde o venres a nai dos pequenos. Facíao coa comisión xudicial, o fiscal e as dúas avogadas que asumiron a defensa da presunta asasina.

Escoitouna durante 28 minutos. Decreta para ela prisión provisional, comunicada e sen fianza, acusada de dobre asasinato. Foi xa trasladada ao cárcere de Picassent, á área clínica. Ela foi quen conduciu os investigadores ata os cadáveres soterrados, aínda que cando lle preguntaron dixo que os atopara mortos.

Non transcendeu se ante o xuíz cambiou a súa versión. Nun primeiro exame médicopsiquiátrico determinaron que no momento do crime puido estar sufrindo un brote psicótico. O pai dos pequenos Amiel e Ixchel, de tres anos e medio e de cinco meses, pasou a súa primeira noite na área de enfermería do mesmo cárcere acusado de asasinalos. O xuíz ordenou a prisión provisional e sen posibilidade de saír baixo fianza económica.

O suposto asasino descoñece se hai indicios ou mesmo probas de cargo contra el porque está decretado o segredo de sumario. Por iso, a súa defensa aconselloulle non declarar. Tampouco deu a súa versión dos feitos ante a Garda Civil cando foi detido. A catalogación de asasinato, a dun crime planificado, e non de homicidio tivo que ver non só coa indefensión das vítimas, son menores e fillos, nin co silencio do pai senón coa versión de dúas amigas da familia que en calidade de testemuñas contaron ao xuíz do xulgado 4 de Paterna como eran as relacións entre a parella e os fillos.

Noticias web

17/03/2019