CRTVG

Buscar

A nai de Gabriel Cruz pídelle ao Supremo que manteña a prisión permanente para Ana Julia Quezada

Publicado o 07/12/2020 13:24

"Espero que o día 15 de decembro se manteña a condena que se lle impuxo por primeira vez en Almería e ratificou o TSXA por asasinato".

Así comeza a mensaxe de Patricia Ramírez a pouco máis dunha semana para que o Tribunal Supremo revise a sentenza polo asasinato do seu fillo, o pequeno Gabriel Cruz, en febreiro de 2018 en Níjar, Almería.

A daquela parella do pai do neno, Ana Julia Quezada, foi detida e levou a polícía ao lugar onde mantivera agochado o corpo durante 12 días. Foi condenada a prisión permanente revisable por asasinato con aleivosía, pero a súa defensa recorreu e pide que se repita o xuízo.

Os pais de Gabriel reclaman que se manteña a pena e que se engada o agravante de asañamento. "Os feitos, tal e como ela dixo, non ocorreron e desgraciadamente hai lesións que din que houbo asañamento", di Patricia Ramírez, que explica que, se se mantén a prisión permanente revisable, este asunto non suporía cambios, pero se o Supremo a anulase, o asañamento implicaría máis anos de cadea.

A nai de Gabriel confía en que o Supremo peche definitivamente o caso e lles faga xustiza tanto ao neno como a toda a xente que axudou na súa busca.

Noticias web

07/12/2020