CRTVG

Buscar

A muralla de Lugo, entre os 40 monumentos elixidos pola Unesco durante a pandemia

Publicado o 19/05/2020 14:31

A muralla romana de Lugo foi incluída nunha selección de 40 monumentos de todo o mundo realizada pola Unesco. A finalidade desta iniciativa, que se enmarca na campaña #ShareOurHeritage, é a difusión destes bens mundiais durante un confinamento que afecta todo o planeta.

Ignacio López de Rego, responsable da redacción dos proxectos de restauración da Muralla de Lugo: "En momentos en que o coronavirus fixo que estivésemos illados do mundo, este tipo de promocións en que se lle dan a coñecer ao resto da Humanidade as experiencias sobre a muralla parécenos importante. E que non se teña dúbida de que nós seguimos a traballar aquí, agás 15 días que estivemos confinados, aínda seguimos traballando na muralla de forma continua dende que declarou patrimonio mundial".

A muralla romana de Lugo non só ten relevancia por ser a única no ámbito mundial cun adarve tan ben conservado que se poida percorrer en todo o seu perímetro. Ademais, o seu estudo ininterrompido supón unha fonte de coñecemento do mundo romano que non deixa de dar froitos.

Ignacio López de Rego, responsable da redacción dos proxectos de restauración da Muralla de Lugo: "Podemos coñecer, e xa coñecemos, sistemas construtivos por filas, coñecemos as xuntas de traballo dos distintos operarios que traballaban, o sistema de foxos que había no exterior, os sistema de contraportas das portas orixinais, das que se conservan nas pedras mesmo o oco onde se introducían o gonzo da porta... É un cúmulo de novidades, debido ao seu estado de conservación tan importante, que é único no mundo".

Tanto dende o Concello como dende a Xunta agradeceron esta promoción por parte da Unesco, que coincide co vixésimo aniversario da declaración da muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade.

Noticias web

19/05/2020