Prisión provisional comunicada sen fianza para o home que presuntamente abusou dunha muller na Illa de Arousa
Xa se atopa en prisión provisional comunicada e sen fianza o home que presuntamente agrediu sexualmente unha muller na Illa de Arousa. Segundo denunciou a vítima, violouna mentres ela estaba baixo os efectos dun fármaco privada de sentido. Segundo puido coñecer hoxe a Televisión de Galicia, a avogada do presunto agresor desmente o relato da vítima e nega os feitos.
Non se lembraba de nada. Estaba profundamente durmida no sofá baixo o efecto dun cóctel de fármacos prescritos para as doenzas que padece, cando o presunto agresor entrou na súa casa forzando a porta traseira. El é coñecido da vítima e levaba un tempo querendo manter relacións con ela. Supostamente violouna. Pero ela non se decatou de nada. De acordo ao relato da vítima, non era a primeira vez que o presunto agresor entraba na casa de incógnito.
Ana Guerra. Vítima dunha presunta agresión sexual "Eu estou aquí total e absolutamente durmida, por non dicir anestesiada, non tivo máis que espirse e botarse encima de min, non tivo máis que facer".
Ao presunto agresor decretáronlle prisión provisional comunicada e sen fianza, cunha orde de afastamento de cen metros da súa vítima. Exponse a entre catro e dez anos de prisión. Segundo puido saber hoxe a Televisión de Galicia, a defensa do home nega a validez das declaracións da vítima e que houbera penetración. Na declaración á titular do xulgado número de 1 de Vilagarcía, instrutora do caso, o home declarou que a muller consentira a penetración, declaración que para o xulgado posúe escasa consistencia. De acordo ao dito pola vítima, unha presunta agresión sexual semellante puido producirse uns meses antes nas mesmas circunstancias. Foi o fillo maior da vítima quen desta vez atopou o presunto agresor espido e agochado detrás do sofá.
Ana Guerra. Vítima dunha presunta agresión sexual. "Deulle un puñazo á porta da frustración polo que vira e o irmán espertou que ten un sono moi profundo e eu nin con iso, nin con iso espertei. Si Alex non está presente, non está esperto, pois faría de min o que quixera e eu ao día seguinte non podería nin recordar nada, nin denunciar, nin facer absolutamente nada de nada."
Ao día seguinte espertou espida, dolorida e coa roupa interior tirada e manchada de sangue. Presentou a denuncia na Garda Civil e, tras un exame médico, detiveron o presunto agresor. Isto súmase a outros episodios de violencia. A súa ex-parella acaba de ingresar tamén no cárcere por quebrantamento dunha orde de afastamento. Ana quere que o seu drama persoal sirva de exemplo para advertir dos efectos de drogas que son quen de anular por completo a vontade.
Ana Guerra. Vítima dunha presunta agresión sexual "Hai unha droga que é a burundanga que nestes momentos parece ser que está moi de moda e iso é similar ao que a min me pasou, é dicir, a vontade non existe, ao día seguinte non te lembras absolutamente de nada."
Agora só quere que a súa voz se escoite para que as mulleres perdan o medo a denunciar.