CRTVG

Buscar

A muller acoitelada en Coristanco segue na UCI

Publicado o 14/08/2020 14:13

Segue ingresada na UCI do hospital da Coruña a muller acoitelada polo seu home en Coristanco. O presunto agresor está á espera de declarar no xulgado. O agresor colleu o coche e fuxiu e foille contar á filla ao traballo o que fixera.

"Estábame esperando e díxome que acoitelara a miña nai cerca do corazón e que cría que a matara. E subín ao coche porque eu quería vir para a casa", asegura a filla en declaracións á TVG.

Asegura que na súa casa son habituais as discusións, pero desta volta a violencia chegou ao seu límite. Despois de baterlle na cara á súa nai e deixarlle potes por un brazo, seu pai perseguina pola aldea adiante cun coitelo na man e a 50 metros deulle unha coitelada.

A sorte quixo que lle batera no oso do peito e a folla do coitelo rompera. Xa estaban varios veciños coa vítima alertados polos berros e puideron auxuliar a muller.

Rapidamente deron a alerta e presentáronse no lugar sanitarios do 061, a Garda Civil de Carballo, Policía Local e Protección Civil de Coristanco. A acoitelada, de 47 anos, foi trasladada en helicóptero ao hospital da Coruña unha vez que ou persoal sanitario logrou estabilizala. Estaba grave.

O Concello de Coristanco convocou unha concentración para rexeitar a violencia machista e axudarán a vítima en todos os trámites que inicie.

"O que temos que facer é rexeitar a violencia, nomeadamente a violencia de xénero. É evidente que hai que seguir traballando porque temos que eliminar que se lle poida facer daño, neste caso, as mulleres", asegura Juan Carlos García Pose, alcalde de Coristanco.

Ao parecer a Garda Civil xa estivera na vivenda en varias veces atendendo chamadas da muller, pero non quixo denunciar o caso, debido a que dependía economicamente do seu agresor.

Noticias web

14/08/2020