CRTVG

Buscar

A moza dun dos acusados no crime de Samuel declara que viu a Yumba darlle unha puñada a Ibrahima

Publicado o 20/08/2021 14:46

O Xulgado de Instrución número 8 da Coruña, encargado do caso Samuel, segue coas dilixencias de investigación e tras tomarlle novamente declaración esta semana a vinte testemuñas que se atopaban nas inmediacións do lugar dos feitos, a meirande parte delas da contorna dos acusados, decidíu que a agresión a Ibrahima, mentres trataba de protexer a Samuel, se investigue como unha causa separada.

"Ibrahima protexeu a Samuel en todo o traxecto. El puxo o seu corpo e déronlle unha importante malleira. Incluso na parte final da agresión. É a última persona que asiste a Samuel", explica Pedro Agudo, xefe da Brigada da Policía Xudicial.

Quen denuncia esta agresión é Noah, a moza de Kaio, un dos acusados. Segundo aparece no sumario, declarou que viu como Alejandro Freire, alcumado Yumba, tamén investigado e no cárcere de Teixeiro, lle dá unha puñada a Ibrahima.

No escrito queda constancia tamén de que son varias as testemuñas, entre elas Vanesa e Lina, amigas de Samuel, que sinalan a homofobia como motivación da brutal malleira que acabou coa vida do mozo de 24 anos. Unha malleira que, segundo o sumario xudicial, Diego, un dos presuntos principais agresores xustificou, en varias ocasións, a súa agresividade na condición de homosexual de Samuel.

Foi no parque Europa, onde se reuniuron os amigos unha hora despois da malleira mortal. Alí, a súa moza, Cathy, tamén investigada, pero en liberdade, recriminoulle o estado en que deixaran a Samuel tirado no chan e foi cando Diego lle respondeu, referíndose á vítima como "maricón de merda". Unha expresión que, segundo unha das testemuñas, repetiu en varias ocasións.

 

Noticias web

20/08/2021