A morte dun home de 90 anos eleva a 662 o total de falecidos en Galicia por mor do virus

Galicia rexistra este luns 4.243 casos activos, segundo a última actualización dos datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Isto supón 68 máis ca onte.
ÚLTIMA HORA | A morte dun home de 90 anos, ingresado no CHUS, eleva a 662 o total de falecidos en Galicia.
— G24 (@G24Noticias) September 7, 2020
Máis información en https://t.co/Ka4o8k181k pic.twitter.com/C31iuPAVDQ
Por áreas sanitarias, 1.434 (+10) serían da da Coruña, 816 (+6) da de Lugo, 459 (+30) da de Ourense, 343 (+20) da de Pontevedra, 344 (=) da área de Vigo, 688 da de Santiago (=) e 159 (+2) da de Ferrol.
Uns 300 casos están relacionados co gromo do barrio da Milagrosa. O gromo da residencia do Incio suma 15 vítimas mortais. E hai outro foco novo na unidade de maiores do hospital Polusa: unha traballadora e dez maiores deron positivo. A maioría son asintomáticos. Na área sanitaria de Ourense rexístranse tres novos gromos, dous deles na capital e o outro en Verín. O número de infectados aumenta en todas as áreas sanitarias respecto a onte, agás en Santiago e Vigo.
Hospitalizacións e falecementos
Ademais, nas últimas horas rexistrouse a morte dun home de 90 anos que estaba ingresado no CHUS e presentaba patoloxías previas. Entre os últimos falecementos tamén se contabilizan os dun home de 88 anos usuario do centro de maiores do Incio e unha muller de 89 da residencia de Outeiro de Rei o pasado domingo. A cifra total de mortos por coronavirus ascende a 662 en Galicia.
No tocante a hospitalizacións, hai 21 persoas na UCI, 194 en unidades de hospitalización e 4.028 en seguimento domiciliario. Dende o inicio da pandemia, curaron 13.792 persoas en Galicia e practicáronse un total de 367.340 probas PCR.
Nas residencias de maiores, e segundo os últimos datos da consellería de Política Social, hai 162 maiores contaxiados. A relación sería a seguinte: 1 na residencia de Laxe (Cabanas), 30 en Orpea Coruña, 1 na DomusVi de Lalín, 81 no Incio e 45 na DomusVi de Lugo. O número de traballadores afectados ascende a 68.