CRTVG

Buscar

A morte de tres mulleres eleva a 692 o total de falecidos en Galicia

Publicado o 14/09/2020 19:44

• Esta mañá confirmárase a morte de dous homes de 88 e 79 anos ingresados no Hospital de Verín e no CHUAC e dunha muller de 75 ingresada no CHUO e vencellada á residencia Os Gozos, no Pereiro de Aguiar

Sanidade confirmou esta tarde o falecemento de tres persoas que foran diagnosticadas por coronavirus. Eran unha muller de 87 anos e outra de 80 que estaban ingresadas no HULA procedentes da residencia de Outeiro de Rei. Tamén faleceu unha muller de 88 anos ingresada en POLUSA. Todas estas vítimas mortais presentaban patoloxías previas. Dende o inicio da pandemia faleceron 692 persoas por coronavirus en Galicia.

Esta mañá confirmárase o falecemento de tres persoas en centros hospitalarios. Eran dous homes de 88 e 79 anos, ingresados no Hospital de Verín e no CHUAC respectivamente, e unha muller de 75 anos, ingresada no CHUO e vencellada á residencia Os Gozos, no Pereiro de Aguiar. Todos eles presentaban patoloxías previas. 

O domingo tamén se comunicaba a morte doutras cinco persoas ingresadas nos hospitais galegos. Unha muller de 95 anos que permanecía no Complexo Hospitalario de Vigo; tres mulleres en Lugo: unha de 95 anos, outra de 87 e unha terceira de 82 procedente da residencia de maiores de Outeiro de Rei, e mais un home de 77 anos tamén hospitalizado en Lugo, usuario da Residencia do Incio.

Hai 4.264 casos activos por coronavirus en Galicia, segundo a última actualización dos datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Isto supón 17 casos activos menos ca este domingo. Por outra banda, hai 209 contaxios novos.

O reparto dos casos activos por áreas sanitarias sería o seguinte:

• 1.297 (-7) na Coruña

• 795 (-19) en Lugo

• 482 (+9) en Ourense

• 503 (+33) en Pontevedra

• 361 (-5) en Vigo

• 640 (-30) en Santiago

• 186 (+2) en Ferrol

No tocante a hospitalizacións, hai 28 persoas na UCI, 221 en unidades de hospitalización e 4.015 en seguimento domiciliario. Polo de agora, hai 15.440 persoas curadas en Galicia e realizáronse 398.112 probas PCR.