CRTVG

Buscar

Maroto denuncia o remitente da carta que recibiu coa navalla ensanguentada

Publicado o 26/04/2021 14:37

A ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, xa denunciou o remitente da carta coa navalla aparentemente ensanguentada que recibiu este luns. Ademais, anunciou que se van adoptar as medidas oportunas para que esa persoa dea a súa versión sobre o obxectivo da misiva.

Respecto ás posibles coincidencias entre a autoría desta carta e as que recibiron o ministro do Interior, o candidato de Unidas Podemos á Comunidade de Madrid e a directora xeral da Garda Civil, Maroto considerou na cadena Ser que "é un pouco distinta" porque ten remitente, polo que podería tratárense dun feito illado, a diferenza das outras tres.

Porén, a ministra pediu deixar que a investigación siga o seu curso e insistiu na importancia de denunciar as ameazas, ademais de agradecer todas as mostras de apoio e solidariedade recibidas.

"Camuflada" cun plástico

Segundo a Ministra, a carta chegou ao Ministerio o venres pola tarde, "camuflada" cun plástico que impedía ver o que estaba debaixo. Tras abrila a súa secretaria, explicou, avisou o xefe de seguridade.

Maroto amosouse sorprendida polo contido e asegurou que nunca recibira ameazas previas. Dixo que é unha ministra "dialogante", que traballa na procura do consenso, non adoita crispar e non tivo nunca sensación de inseguridade, senón que recibiu o agarimo e o apoio da xente.

Porén, salientou o clima de crispación que se está a vivir non só na campaña electoral de Madrid, senón, desde hai xa meses, no Congreso, nos parlamentos autonómicos e na rúa. Na súa opinión, con este tipo de ameazas "todos perdemos".

Posibles vinculacións 

Policía Científica tenta determinar se o remitente das tres cartas con balas e ameazas dirixidas a Fernando Grande-Marlaska, Pablo Iglesias e María Gámez é o mesmo que lle enviou a navalla á ministra de Industria.

Buscan restos de ADN e pegadas, ademais de estudar o papel e a caligrafía, xa que nos tres envíos anónimos se inclúen mensaxes manuscritas.

"Tes dez días para dimitir. O tempo de rirte de nós rematou. Policía Nacional. Garda Civil. O tempo telo en contra para os  taponazos", podíase ler no papel dentro do sobre con cuño do 19 de abril dirixido a Grande-Marlaska, en que se incluían dous cartuchos sen percutir do calibre 7,62 x 51.

Fontes próximas á investigación consideran que o autor desta carta é o mesmo que enviou sobres con mensaxes similares e balas ao ex vicepresidente segundo e candidato de Podemos á Comunidade de Madrid, Pablo Iglesias, e á directora xeral da Garda Civil, María Gámez.

A estas pescudas, engaden agora a análise do sobre acolchado de cor marrón que chegou ao despacho da ministra de Industria. O envío, con orixe na localidade madrileña do Escorial, ten data do 21 de abril.

Tentarán determinar a persoa ou persoas remitentes e se o "ensanguentado" da navalla ten orixe artificial, humana ou animal.

Mostras de apoio

A resposta da ministra de Industria chegou a través das redes sociais, onde agradeceu as mostras de apoio e asegurou que "as ameazas e a violencia non van calar a voz da democracia".

Entre esas mostras de solidariedade a da ministra de Igualdade, Irene Montero, condenou estes feitos: "Todo o meu apoio antifascista para a ministra Reyes Maroto. As ameazas fascistas aos e as compoñentes dun Goberno democrático son intolerables".

O candidato de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, expresou a súa solidariedade coa ministra. "Xa está ben de ameazas fascistas", escribiu nunha mensaxe en redes sociais. Pola súa banda, a candidata de Más Madrid, Mónica García, preguntouse cantas ameazas máis fan falta para que Ayuso "deixe de avalar a política do odio da extrema dereita".

Pola súa parte, Isabel Díaz Ayuso, tamén a través das redes sociais, condenou os feitos e dixo que "as ameazas aos representantes públicos non teñen sentido nun país en liberdade".

A ministra de Industria foi anunciada hai semanas como número dous de Ángel Gabilondo, e futura vicepresidenta da Comunidade de Madrid, en caso de que o PSOE alcanzase a vitoria nestes comicios. 

No caso de Vox, o partido da ultradereita tamén denunciou a ameaza contra Maroto, e pediu "a todos os partidos que condenen toda a violencia". Ao mesmo tempo anunciaban que se presentarían nesta causa.