CRTVG

Buscar

A ministra Maroto viaxará a Pittsburgh para falar coa dirección de Alcoa

Publicado o 29/06/2021 20:04
EFE

O comité de empresa de Alcoa San Cibrao informou de que a ministra de Industria Reyes Maroto ten previsto viaxar a Pittsburgh para falar coa dirección de Alcoa coa finalidade de desbloquear o proceso de venda da fábrica de aluminio primario de San Cibrao.

En declaracións aos medios de comunicación, despois da reunión que mantivo esta tarde o comité coa propia ministra, o seu presidente José Antonio Zan informou de que "a semana que vén" Reyes Maroto "vai manter unha reunión con todas as partes para marcar un roteiro".

En principio, precisou, nesa reunión vai participar o Goberno de España, a Xunta de Galicia, o comité de empresa e os sindicatos. "Posteriormente, viaxará a  Pittsburgh, despois de poñerse esta semana en contacto co conselleiro e vicepresidente da Xunta de Galicia Francisco Conde e co presidente de Alcoa España Álvaro Dourado para poñer sobre a mesa a necesidade de chegar a un acordo e de que se produza esa venda", precisou.

En todo caso, o comité insiste en que para os traballadores é "indispensable a participación da  SEPI" no proceso de venda, precisamente para garantir a compra da fábrica por parte dun investidor industrial solvente. "Non queremos vernos como A Coruña e Avilés", concluíu Zan.

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia José Miñones asegurou que o Executivo "está ao lado dos traballadores" e pediulle á multinacional Alcoa que venda a planta de aluminio primario a un "bo comprador" e deixe de poñer o foco desta operación "na SEPI". Miñones fixo estas declaracións aos medios de comunicación ao final da reunión mantida hoxe co comité, que contou tamén coa participación do secretario xeral de Industria Raül Blanco e a subdelegada de Lugo Isabel Rodríguez.

"O que temos que forzar é que Alcoa venda e o faga a un bo comprador, porque os hai, a diferenza de Alu Ibérica, porque hai empresas industriais con garantías e que coñecen o negocio", precisou.

"Poderiamos estudar como favorecer a compra", explicou o delegado do Goberno, quen tamén avanzou que a ministra de Industria programou un novo encontro entre as partes, que se celebrará nos próximos días, para definir unha estratexia común que permita garantir a venda de Alcoa.

Segundo o seu criterio, "Alcoa ten unha estratexia que consiste en tentar demostrar ante a xustiza que eles son os bos e o resto somos os malos que xeramos o problema. Alcoa foi desleal con España e demóstrano os diferentes conflitos que ten abertos, como o de  Alu Ibérica".

Neste sentido, o delegado do Goberno lembrou que o acordo que asinou Alcoa cos traballadores o pasado mes de xaneiro para evitar a folga incluíu a intervención da SEPI, cando ninguén consultou coa propia SEPI ou co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.

"O Goberno segue estando á beira dos traballadores. O papel da  SEPI é de  intermediador. Pero hai seis posibles compradores e non todos necesitan o papel de intermediación da SEPI", abondou.

Noticias web

29/06/2021