CRTVG

Buscar

"A ministra lavou as mans coa solución do traslado", din os traballadores de ENCE

Publicado o 19/07/2021 08:56

Os traballadores de ENCE sitúanse entre o diálogo e a mobilización, tras a sentenza da Audiencia Nacional que anula a prórroga da concesión que permite á factoría ocupar os terreos en que actualmente está situada na ría de Pontevedra.

Ana Cerdeira, presidenta do Comité de Oficinas, estivo este luns no Bos Días, onde anunciou que as mobilizacións contra esta sentenza e a posibilidade dun peche da planta continuarán nos próximos días.

Sobre a situación que se abre nestes momentos dixo: "Vémolo difícil, pero hai futuro, asegurou. Imos recorrer e seguir pelexando. Estamos seguros do que estamos facendo. Pelexar polos nosos postos de traballo".

A posibilidade dun traslado tampouco se concibe como solución por parte dos traballadores. "Non hai un lugar alternativo en Galicia para recolocar a factoría, que teña as características que ten Lourizán", asegurou Ana Cerdeira.

A representante dos traballadores sinala como responsables o Goberno e o Concello de Pontevedra: "O que quere o Goberno xunto co Concello de Pontevedra é que ENCE peche. ENCE é unha empresa privada que cotiza en Bolsa, en que os accionistas poñen os seus cartos e son eles os que teñen que dicir o que hai que facer. E non van aprobar un traslado co investimento que iso supón".

"Sempre foi o centro dunha liorta política. Sempre estivo no programa de campaña do alcalde que leva 20 anos gobernando en Pontevedra, coa axuda do ministerio de Transición Ecolóxica de Teresa Ribera. A ministra lavou as mans coa solución do traslado e impuxo á Xunta e á empresa unha localización alternativa".

Noticias web

19/07/2021