CRTVG

Buscar

A ministra de Transportes vencella a fin das peaxes en Cataluña coa fin dun agravio

Publicado o 01/09/2021 15:08

Hoxe é o primeiro día sen peaxes de ningún tipo nas autoestradas estatais de Cataluña e de Aragón. A circulación foi fluída na AP-7 e na AP-2, onde a pasada medianoite se levantaron as barreiras e se desactivaron os sistemas de cobro para todos os condutores.

A ministra de Transportes, que hoxe inaugurou un enlace viario novo preto de Barcelona, felicitouse pola medida. A ministra asegurou que a fin das peaxes nas autoestradas estatais en Cataluña supón a fin dun agravio.

"Este Goberno definiu Cataluña coma unha prioridade. Recoñecemos este agravio comparativo e este déficit de investimento, e o que estamos facendo é tomar medidas moi concretas, moi directas, e que teñen tradución en contías económicas".

En paralelo, o ministerio busca un sistema para establacer o pago nas autovías que agora mesmo son de balde, como a que une Galicia coa meseta. Raquel Sánchez insiste en que é compromiso irrenunciable do Goberno con Bruxelas.

"Este Goberno asumiu o compromiso de aplicar este sistema no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, iso sitúanos en 2024. A nosa vontade é cumprir estes compromisos porque arriscamos moito nos fondos europeos", asegurou.

Noticias web

01/09/2021