CRTVG

Buscar

A ministra de Educación reunirase o mércores coas comunidades para abordar o inicio do curso escolar

Publicado o 19/08/2021 19:17
A ministra de Educación reunirase o mércores coas comunidades para abordar o inicio do curso escolar
EUROPA PRESS

A ministra de Educación e Formación Profesional, Pilar Alegría, reunirase a próxima semana cos conselleiros autonómicos do ramo para repasar o protocolo acordado o pasado maio sobre o próximo curso escolar e as medidas que toman as distintas comunidades en función da taxa de incidencia do covid-19, e abordar o inicio do curso escolar.

Toma así a testemuña da súa antecesora no cargo, Isabel Celaá, que foi a que negociou estas medidas coas autonomías antes de ser relevada da carteira. Segundo indicaron fontes do departamento que dirixe Alegría, a titular da carteira de Educación reunirase cos responsables autonómicos nun encontro de carácter extraordinario o mércores, 25 de agosto.   

A ministra de Educación aposta pola prensencialidade en todas as etapas o próximo curso e descarta impoñer aos profesores a obrigatoriedade de vacinarse debido á elevada porcentaxe de docentes que o fixo de forma voluntaria.

"Case todos o fixeron xa voluntariamente; profesores e cidadáns están a dar unha imaxe de total responsabilidade no proceso de vacinación", indicaba Alegría en declaracións á Cadena Ser.

En relación co número de alumnos nas aulas, a ministra lembraba o esforzo realizado o curso 20/21 para a contratación de persoal docente ante a rebaixa das cocientes educativas. Goberno central e comunidades autónomas pactaron en maio recuperar as cocientes prepandemia para setembro, a pesar do que o Ministerio pediu aos gobernos autonómicos que manteñan o profesorado que foi contratado como reforzo. 

"A cociente correspóndese coa media europea e para facer fronte ás incertezas, o goberno inxectou fondos de maneira moi importante para que as comunidades poidan seguir apostando por esas medidas que melloren a calidade da educación nestes momentos", sinalaba a ministra.

Galicia quere "chegar á maior porcentaxe de nenos e nenas vacinados" posible para presentar estes datos ante o Ministerio, co fin de que sirvan de base para trazar as medidas que permanecerán en vigor durante o curso escolar.

Conta cun protocolo baseado nos acordos alcanzados entre as CC. AA. e Goberno central de maio e que o Ministerio fixo obrigatorios cunha Declaración de Actuacións Coordinadas o 2 de xuño.

Noticias web

19/08/2021