CRTVG

Buscar

A militancia do PSOE decide sobre o acordo de goberno con Unidas Podemos

Publicado o 23/11/2019 15:07

En Ferraz existe a convicción de que os militantes referendarán nidiamente o acordo de goberno con Unidas Podemos. Tras os axustes de última hora no censo do partido, son exactamente 178.651 os chamados a emitir o sufraxio en 3003 centros de votación ata as oito da tarde, aínda que desde onte xa poden votar a través de Internet os inscritos na modalidade online.

O más relevante dos afiliados, Pedro Sánchez, depositaba a papeleta na urna esta mañá en Pozuelo de Alarcón. Tivo tempo para falar cos militantes, para animalos a votar a favor do si e tamén a facer os inevitables selfies. Pero o secretario xeral dos socialistas evitou realizar declaracións á prensa.

O que si falou foi Miquel Iceta desde Cataluña, onde Esquerra Republicana desfolla a súa decisión, que será clave para a conformación dun novo goberno: "Hoxe os militantes teñen que decidir avalar ou non esa proposta. Loxicamente eu debo dicirlles que son absolutamente partidario e por iso votei si, pero esa é unha decisión que nos corresponde a todos e todas".


Os afiliados socialistas non votan sobre un programa de goberno, senón sobre un decálogo, que constitúe en realidade un preacordo con Unidas Podemos. É a primeira vez que a a actual executiva de Pedro Sánchez realiza unha consulta á militancia. Na anterior etapa á fronte do partido si preguntara polo pacto de investidura con Ciudadanos, que foi aprobado pero non se acabou materializando. A diferenza é que naquela ocasión a consulta non era vinculante e agora si.

Noticias web

23/11/2019