A metade dos concellos galegos non tiveron contaxios na última semana
• O comité clínico analiza concello a concello a incidencia a 7 días
• O CHUF recupera a actividade ordinaria ao baixar as hospitalizacións
O comité clínico revisa a situación epidemiolóxica concello a concello cinco días despois do comezo da desescalada. Os datos seguen mellorando, incluso a incidencia a sete días que a partir de agora terase máis en conta para tomar medidas de urxencia se se detecta un aumento anormal dos contaxios nalgún lugar. E segundo ese indicador, a metade dos concellos galegos non tiveron ningún na última semana.
Na Xunta son moderadamente optimistas. "Á vista da tendencia, eu agardo que hoxe non teñamos ningún paso atrás e incluso ter algunha boa noticia", dixo o vicepresidente Alfonso Rueda.
Non se descartan medidas de alivio puntuais nalgún concellos que melloraran moito partindo dunha peor situación. E hai expectación por saber se haberá cambios nas tres áreas sanitarias que manteñen o peche perimetral pola elevada presión hospitalaria. Na de Pontevedra-O Salnés a melloría é notable.
"En principio melloraron en xeral todos os datos da área sanitaria, tanto a nivel de hospitalización como a nivel de unidades de críticos", afirma Marina Varela, xefa do servizo de Anestesioloxía e Reanimación do CHOP.
E na área sanitaria de Ferrol puideron pechar unha uci-covid e recuperar as cirurxías programadas.
"Ao repregar un pouco a asistencia covid permítenos que espazos destinados especificamente a covid poidan dedicarse á asistencia doutras patoloxías, tanto no ámbito de hospitalización como no ámbito cirúrxico, explica Ángel Facio. xerente da área sanitaria de Ferrol.
Tamén mellora a situación na área sanitaria da Coruña e Cee, a outra que permanece perimetrada. Pero nela a recuperación está sendo máis lenta.