A mestura de drogas que subministraron os falsos médicos puido ser letal
Publicado o 25/09/2020 14:13
Os falsos médicos detidos en Marín por sedar e roubar unha parella de anciáns subministráronlles, segundo a Policía Nacional, un cóctel de drogas que puido ser letal.
Segundo fontes da investigación, o roubo foi minuciosamente preparado por catro homes que se dedican a delinquir por toda España e que contan con 59 antecedentes.
Dous deles accederon á casa dos anciáns disfrazados de sanitarios coa escusa de facerlles a proba da covid-19, e convencéronos de que tiñan que tomar antes unhas pastillas. Deste xeito, subministráronlles éxtase e benzodiacepinas. Ademais, mesmo os ataron para impedir que puidesen pedir auxilio.