A Mesa do Congreso rexeita a comisión de investigación ao rei Xoán Carlos
A Mesa do Congreso rexeitou este mércores admitir a trámite a comisión de investigación sobre o uso de tarxetas opacas por parte do rei Xoán Carlos, solicitada entre outros grupos por Unidas Podemos e á que se opuxeron os representantes do PSOE, PP e Vox.
"Nunha democracia seria non é bo que se cuestione ás institucións" dixo a ministra de Defensa, Margarita Robles, nunha entrevista nunha emisora de radio, onde deu a entender que esa é a intención coa que se pretendía investigar as actividades do monarca.
Replicoulle dende Podemos Ione Belarra. Di que a investigación sería precisamente para defender as institucións e acusa o PSOE de decepcionar aliñándose coa dereita e cos ultras.
Os tres representantes de Unidas Podemos quedaron sós votando a favor de que a Xunta de Portavoces incluíse na orde do día a proposta de crear esta comisión para indagar no uso dos fondos opacos procedentes do estranxeiro. Pablo Echenique, voveiro da formación no Congreso, recordaba que os letrados da Cámara avalaron esa comisión de investigación, e "non hai argumento xurídico que se poida alegar".
Pero a decisión da Mesa foi contraria ao que expuñan os letrados do Congreso, que, no seu informe, por primeira vez mostrábanse favorables a tramitala. Ata o de agora, o corpo de xuristas mostrouse contrario a investigar ao rei emérito, ao entender que a inviolabilidade deste é permanente.
Con esta votación, de novo os dous socios de Goberno visibilizan posicións distintas nun asunto que afecta á Monarquía. Unidas Podemos, xunto a ERC, EH Bildu, Máis País e Compromís, o BNG e a CUP solicitaron esta investigación tras coñecerse que o rei emérito presentara unha declaración voluntaria para regularizar a súa situación fiscal ante a Axencia Tributaria.