CRTVG

Buscar

A mesa de partidos acorda adiar as eleccións catalás ao 30 de maio

Publicado o 15/01/2021 16:42
A mesa de partidos acorda adiar as eleccións catalás ao 30 de maio

A mesa de partidos cataláns acordou este venres, a proposta do Govern e sen unanimidade pola posición contraria do PSC, aprazar as eleccións convocadas para o 14 de febreiro e pospoñelas ao 30 de maio, dada a evolución dos datos epidemiolóxicos en Cataluña.

Fontes do PSC mostraron o seu "total desacordo" co aprazamento proposto polo Govern e aceptado maioritariamente polos partidos que participaron no cume celebrado este venres no Parlament.

Os socialistas suxerían un aprazamento técnico ao 14 ou 21 de marzo, para deixar pasar o peor da terceira onda da pandemia de coronavirus en Cataluña, pero o vicepresidente do Govern, Pere  Aragonès (ERC), formalizou outra proposta: domingo 30 de maio, unha data aceptada con máis ou menos dúbidas pola maioría de grupos.

Nos últimos días, o Govern preparara o terreo para unha posible proposta de aprazamento, aínda que oficialmente evitara concretala. Inicialmente, no transcurso da reunión, Aragonès limitouse a suxerir un aprazamento das eleccións a maio ou xuño, segundo as fontes consultadas.

En cambio, o PSC propuxo un "aprazamento técnico" das eleccións catalás ata o 14 ou 21 de marzo, aínda que sostén que a evolución da Covid-19 en Cataluña non xustifica postergar os comicios.

Despois das intervencións dos distintos grupos e subgrupos parlamentarios, Aragonès detallou a súa proposta: o domingo 30 de maio. Unha data que, con todo, afástase máis de dous meses da que propoñía o PSC, que expuxo preferentemente o 21 de marzo, segundo fontes presentes na reunión.

O PDeCAT, pola súa banda, suxeriu inicialmente como alternativa celebrar as eleccións en abril ou máximo o domingo 16 de maio, mentres que a CUP defendía condicionalo aos datos epidemiolóxicos.

Á saída da reunión, o primeiro secretario do PSC, Miquel  Iceta, compareceu en conferencia de prensa para expoñer a súa posición: "Opoñémonos ao aprazamento das eleccións e aínda máis se é para levalas ao 30 de maio, porque esta decisión non se toma en base a criterios epidemiolóxicos".

Iceta evitou adiantar se o PSC impugnará o decreto de aprazamento do  Govern, porque antes quere lelo con atención e comprobar se só "cambian a data das eleccións" ou tamén "as regras de xogo", reabrindo os trámites xa pechados do proceso electoral en curso e permitindo modificar as listas presentadas, algo que consideraría "ilegal".