CRTVG

Buscar

A mellor tortilla betanceira, en Casa Miranda

Publicado o 13/10/2019 14:52

A mellor tortilla de Betanzos sae da cociña de Pepa. Casa Miranda levaba varios anos sen presentarse ao concurso e decidiu recuncar nesta edición. Un regreso con final inesperado e feliz para a cociñeira, Pepa Miranda: "Eu puxen todo o meu empeño, pero os demais tamén a fan ben, entón nunca sabes ao 100%. Ademais eu síntome moi insegura á hora de concursar, síntome pequeniña".

É a quinta ocasión que Casa Miranda gaña o premio. Á cata final chegaron outras catro elaboracións, todas co toque inconfundible da tortilla betanceira: pouco feita, con máis ovo que pataca e moi saborosa. O chef Luis Veira, que presidiu o xurado explica que "entediamos que tiña que ser unha masa pouco feita e compacta, coa pataca ben ligada ao ovo. Son espectaculares". "Procuramos ter boa pataca e bo ovo, que estea no punto de sal. Aceite de oliva bo. Despois en cada casa faise á súa maneira", salienta a gañadora.

Patacas brancas, ovos campeiros, acelte de oliva virxe e sal: materia prima de máxima calidade para unha tortilla celmosa e perfecta.

Noticias web

13/10/2019