A masificación turística chega á Illa de Arousa
A beleza azul das praias e o verde da súa contorna natural converteu a Illa de Arousa nun destino turístico para moitos. Este pequeno recuncho da costa galega comeza a sentir a masificación que impide nalgúns casos gozar da natureza e a tranquilidade. As praias están ateigadas e hai gran número de vehículos que atravesan a ponte e que converten a localidade nun labirinto de coches e autocaravanas. Paraxes como o illote Areoso e o parque de Carreirón están a sufrir unha presión de visitas sen precedentes.
Hai veciños críticos coa situación: "A Illa aínda non está preparada para acoller tanto coche, tanta xente, hai moito que facer para mellorar a calidade e encher de xente e coches, pero non hai onde aparcar, hai zonas sen limpar". "Dez mil coches nun día son moitos coches para unha vila tan pequena, xa aquí debe haber uns tres mil, con dez mil máis é moi complicado funcionar na vila".
Outros veno coma unha vantaxe: "A xente ten que andar no mundo e ten que moverse, eu véxoo ben, a min no me estorban. Hai moitísima xente este ano, isto aumentou, eu diría máis dun 50 por cento para riba". "A xente deixa cartos na vila e ten que haber turismo e xente que gaste cartos, porque nos aquí non os podemos gastar que non hai vida, si nos falla o mexillón a ver que facemos".
Hai quen defende o turismo fronte aos inconvenientes como ter que calcular cando cruzar a ponte para evitar os atoamentos que se forman coa xente que entra pola mañá para ir a praia e sae pola tarde ou unhas praias que os locais nin proban.