CRTVG

Buscar

A máscara seguirá sendo obrigatoria nas terrazas de Galicia despois do 26 de xuño

Publicado o 22/06/2021 20:18

• O comité clínico ampliará ao 75 % a ocupación en feiras, festexos, vodas ou museos

Á marxe de como quede a lei estatal que eliminará a obriga de levar máscara ao aire libre, o comité clínico seguirá recomendando utilizala cando non se poida manter a distancia de seguridade. Poñen o exempo de rúas comerciais ateigadas ou aglomeracións de xente en calquera circunstancia. O que vai quedar igual é o seu uso nas terrazas.

"Nas terrazas, na restauración, está regulamentado e seguirá estándoo. Estamos a falar do uso en espazos abertos sen normativa propia. Na restauración, interior e exterior, está regulamentado e seguirá sendo requirimento o uso da máscara", explica Pilar Farjas, do comité clínico.

No que si avanzará o comité clínico e na ampliación de público nun amplo abano de actividades. A ocupación podería elevarse ata o 75 % sempre que no concello onde ten lugar haxa unha incidencia da covid inferior a 50 casos por cen mil habitantes. A medida abranguería desde as vodas ata os plenos municipais ou as visitas a museos.

"A apertura á celebración na rúa, nos concellos, nos salóns municipais, en agrupacións culturais. As festas da Virxe do Carme, que están moi próximas nas vilas mariñeiras. Pois este tipo de celebracións. Cremos que se poden xa celebrar cunha serie de requisitos de distancia e ocupación", dixo Farjas en declaracións ao Telexornal.

E aínda que os expertos vixían os gromos en seis concellos, consideran que todos están acoutados e non precisarán establecer restricións de nivel alto ou máximo.

Noticias web

22/06/2021