CRTVG

Buscar

A máscara non será obrigatoria no exterior se hai distancia de 1,5 metros

Publicado o 23/06/2021 18:19

• Darias advirte: "Temos que levar a máscara sempre con nós"

• Deberá usarse en aglomeracións, en espazos pechados e no transporte público | A Xunta tamén quere mantelas en terrazas e nos concellos en nivel máximo de restricións

EFE

A máscara deixará de ser obrigatoria en residencias e espazos institucionalizados onde o 80 por cento da poboación estea vacinada pero será obrigada para os traballadores deses centros e as visitas, e o mesmo ocorrerá en servizos esenciais, como un parque de bombeiros.

En conferencia de prensa tras o Consello Interterritorial de Saúde, Darias relatou o contido do real decreto que aproba este xoves o Consello de Ministros e que establece que a máscara non será obrigatoria en exteriores "a condición de que se respecte unha distancia de seguridade de 1,5 metros" pero si será de uso obrigado se hai aglomeracións de persoas que impidan manter a distancia de seguridade.

Ademais, seguirá sendo obrigatoria en espazos pechados públicos (como unha biblioteca) ou espazos pechados de uso público, como unha farmacia ou un supermercado, e nos transportes públicos, tanto avión coma autobús ou metro. Non será obrigatoria para os pasaxeiros de barco e buque no seu camarote e tampouco cando se estea en cuberta e se poida manter a distancia de metro e medio.

E será obrigatoria nos eventos multitudinarios como un concerto, pero se ese evento é de localidade de asento e se respecta o metro e medio de distancia non será obrigatoria.

Darias subliñou que é unha medida de "flexibilización, gradual e prudente" e lembrou que só se anulou a obrigatoriedade de levar máscaras en lugares de baixo risco de transmisión.

As máscaras xa non serán obrigatorias en exteriores "coa condición de que se respecte unha distancia de seguridade de metro e medio", pero haberá que ter unha a man por se non se dan esas condicións e hai que utilizala ao aire libre, aínda que Sanidade non aclarou se non levala supoñerá unha multa. "A máscara témola que levar connosco, aínda que non sempre a levemos posta", aseverou a ministra, pero non aclarou se esta é unha obrigación ou unha recomendación e remitiuse ao que aprobe o Consello de Ministros este xoves no decreto lei, "a iso haberá que cinguirse".

A pesar de que nun principio as comunidades autónomas, especialmente as do PP, mostraran o seu malestar porque as medidas de flexibilización non se debateron no seo do Consello Interterritorial, Darias comentou que "o ton do Consello foi bo" e as comunidades coinciden nos criterios expostos, que veñen do relatorio de alertas de saúde pública que expón unha retirada progresiva do cubrebocas. A nova normativa derroga un único artigo da lei 2/2021 do 29 de marzo, que establecía a obrigatoriedade da máscara en exteriores, mesmo cando houbese distancia de seguridade, "polo que en todo o demais segue vixente a lei", explicou a ministra. E dado que é unha lei de ámbito nacional é aplicable a todos os territorios.

Darias lembrou que só se anulou a posibilidade de levar máscaras en lugares de baixo risco de transmisión e xustificou esta primeira medida de non obrigar ao seu uso en exteriores con que a pandemia está en cifras positivas "e todos os indicadores están a dicir que imos no camiño adecuado cara á nova normalidade". Por tanto, dixo: "É aconsellable que empecemos a introducir unha flexibilización do uso da máscara". Asó o compartiu, segundo subliñou, este mércores coas autonomías no Consello Interterritorial de Saúde. 

 

Noticias web

23/06/2021