A Mariña volve manifestarse contra o peche da factoría de Vestas en Chavín
Centos de persoas acompañaron hoxe en Viveiro os 115 traballadores de Vestas que loitan contra o ERE que levaría ao peche da factoría de Chavín a finais de ano. O comité de empresa considera que a planta é rendible e o expediente agocha a deslocalización da fábrica de compoñentes de aeroxeradores que, segundo a dirección, implicaría o traslado do persoal a outras factorías de España.
Convocada pola Xunta de Galicia, este martes celébrase unha mesa industrial en Santiago, para tratar de buscar solucións que eviten o ERE extintivo. O mércores haberá unha segunda xuntanza entre representantes dos traballadores e representantes da empresa que manifestou a súa disposición a escoitar pero insiste en facer previamente o ERE.
Para este martes, a partir das 15:00 horas, está prevista unha manifestación en Santiago dende o centro comercial As Cancelas ata o edificio administrativo da Xunta.