CRTVG

Buscar

A Mariña volve á rúa en defensa da actividade na planta de Alcoa

Publicado o 22/06/2020 08:35

Esta tarde, nova protesta dos traballadores de Alcoa na Mariña, horas antes doutra reunión de todas as partes implicadas.

A nova manifestación está convocada para as 8 da tarde, baixo o lema "Polo futuro para A Mariña. Industria, infraestruturas e sanidade", e iniciarase ás portas do hospital da Mariña, en Burela. Un novo chamamento dos sindicatos aos traballadores e a cidadanía en xeral tenta evitar os despedimentos e o peche da factoría de Alcoa na Mariña.

Nos escaparates, nas prazas..., a loita en defensa da fábrica de aluminio está presente en cada rincón da Mariña, cunha mensaxe clara: "Se pecha Alcoa, pechamos todos".

"Somos conscientes de que se pecha Alcoa, A Mariña pasará a ser, en vez dun lugar de referencia onde o comercio medra, un deserto", di Dolores Hermida, que ten unha mercería en Burela.

"Comerciais e traballadores de fóra non van vir, para hoteis e restaurantes será devastador", engade a hostaleira Chus Rivas.

"É o momento de loitar, de poñer a Mariña no seu sitio, que existimos que estamos aquí", manifesta o presidente da ACIA de Burela, Miguel Flórez.

En xogo non só están os 534 despedimentos propostos pola empresa, son moitos máis. A fábrica é o pulmón económico da comarca, como aseguran os veciños.

"2.000 empregos entre directos e indirectos". "Sería a ruína para A Mariña, moitas familias viven de Alcoa".

A loita segue na rúa. Esta tarde hai manifestación en Burela en defensa da industria, organizada polas centrais sindicais, que reivindican a intervención da empresa. Así o manifestou en Viveiro o secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez. 

"O aluminio forma parte de aqueles elementos esenciais que o estado non pode nin debe renunciar".

Queren facerse oír antes da cita decisiva de mañá, cando se celebra a mesa multisectorial que reúne a empresa, traballadores, Xunta e Ministerio de Industria.

Noticias web

22/06/2020