CRTVG

Buscar

A maleza e as ratas invaden a casa dun veciño de Lugo

Publicado o 29/10/2019 13:42

Alfonso Carreira, residente no barrio lugués de Feixó, leva seis anos denunciando que a maleza procedente dun soar veciño invade a súa casa. No medio da vexetación tamén entran ratas, algo que lle preocupa de maneira especial posto que está a recibir un tratamento de quimioterapia e debe ter un estrito coidado coa hixiene. O seu fillo, que rozou o patio hai uns días, estivo a documentar como accedían á vivenda os roedores de gran tamaño que crían neste foco de infeccións.

"Eu estou a tratamento da quimio. Levo dúas sesións, con 16 horas de quimio, e este é un foco de infeccións para a miña enfermidade e para calquera persoa aínda que non estea enferma. Pero eu con máis motivo, xa que podo coller unha infección que me leve ao cemiterio polas ratas que invaden o patio da miña casa. Non podo nin saír ao patio a colgar a roupa, que o fago dentro da casa. A maleza invadiu todo o meu patio", di Alfonso.

A primeira denuncia que presentou o afectado data de 2013. Dende aquela, asegura que o Concello de Lugo só limpou o soar lindeiro nunha única ocasión, hai dous anos. O último escrito dirixido á Administración local, que foi rexistrado hai oito días, vai acompañado de fotografías das ratas. Así e todo, a selva que ten detrás da súa casa segue no mesmo estado.

"No ano 2019 non se pode ter na capital, en Lugo, unha vivenda co patio ocupado por ratas e maleza. É vergonzoso para os que gobernan no Concello de Lugo, onde non me fan caso ningún. Nin que eu non fose de aquí. Dáme a sensación de que me tratan con desprezo. Estiven no País Vasco 45 anos traballando, pero eu paguei os impostos de aquí, da miña vivenda, a onde viñen vivir agora para gozar dela o que me quede de vida e onde non podo facelo porque me teñen abandonado neste Concello de Lugo, que é vergonzoso", explica o afectado.

En canto aos donos do soar anexo, desentendéronse por completo de limpalo, polo que debe ser o Concello quen se ocupe de rozar a maleza.

Noticias web

29/10/2019