CRTVG

Buscar

A mala calidade do aire obriga a evacuar o persoal científico próximo ao volcán

Publicado o 03/10/2021 20:32

O empeoramento da calidade do aire nas inmediacións do volcán Cumbre Vieja obrigou os responsables do PEVOLCA, o plan de prevención de risco volcánico das Canarias, a evacuar o persoal técnico e científico que traballaba nas inmediacións das coadas. No resto da illa a calidade do aire é normal, aínda que aconsellan empregar máscaras.

Os expertos din que a erupción mantén a mesma intensidade, con momentos de forte actividade explosiva e sísmica, que fan temer a aparición de novas bocas do volcán.

Consideran imposible saber cando vai rematar esta erupción, pero admiten que, no mellor dos casos, vai durar moitos días. Polo momento, as distintas coadas seguen chegando ao mar, cunha fronte de case un quilómetro.

Os problemas poderían chegar cando esa lava acade unha zona onde o fondo mariño descende bruscamente. A lava xa entrou case cincocentos metros mar a fóra, ocupando unha superficie de 28 hectáreas.

Noticias web

03/10/2021