CRTVG

Buscar

A maioría dos gromos están vencellados a festas e son cada vez de maior tamaño

Publicado o 28/06/2021 14:45

Galicia volve superar a barreira dos 1.500 casos activos despois de cinco xornadas consecutivas de repunta. Mantemos unha situación hospitalaria desafogada, pero preocupa que os gromos son agora dun tamaño maior.

"Nesta situación na que hai un proceso de desescalada que se permiten reunións de grupos máis grandes e hai variantes que teñen máis risco de contaxio a probabilidade de ter gromos máis intensos e con máis número de persoas é maior", explica Pedro Rascado, responsable do plan de contixencia contra a covid e xefe da UCI do CHUS.

Os encargados de ir descubrindo de onde sae cada positivo atópanse nestas semanas con gromos moito máis númerosos. O denominador común son os eventos privados de tipo festivo, como o San Xoán ou as celebracións de fin de curso, un número alto de participantes e a relaxación nas medidas de prevención. As máscaras, insisten, hai que mantelas ao aire libre se non podemos gardar a distancia dun metro e medio. O resultado é que Galicia suma en sete días 250 casos de covid, e que o comité clínico ten mañá sobre a mesa concellos que inflaron o número de casos e se enfrontan a restricións máis duras. 

"Estamos vendo a evolución dos corentenados aos que lle fixemos probas e polo tando aínda é cedo para ver como lle vai afectar ás restriccións", matizou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Restricións e persoas en corentena que por ser contactos non poden ir traballar ou seguir coa súa actividade habitual. O Centro de Alertas Epidemiolóxicas recomenda que non se fagan neste momento viaxes de fin de curso, un consello ao que se suma a Xunta de Galicia. 

"Estamos tamén recomendando que se eviten todas as celebracións educativas e, por suposto, os botellóns que hai que lembrar que en Galicia están prohibidos", advertiu o conselleiro.

A idade media son 35 anos, pero hai moitos estudantes que se contaxiaron nesas celebracións. E lémbranlles nos hospitais que eles tamén poden ter síntomas graves.


 

Noticias web

28/06/2021