A borrasca Filomena deixa paso a unha vaga de frío extremo na Península
• Filomena acabou con dúas vidas en Málaga e outras dúas en Madrid
• Seguen importantes atrancos nas estradas pola neve e o xeo
• Galicia é a única comunidade autónoma que se libra deste temporal histórico
A última rabexada da borrasca mantén 14 provincias en alerta pola neve. Este domingo continuará a nevar en zonas de Aragón, Cataluña, Navarra, A Rioxa, País Vasco e Cantabria. Despois da peor nevarada en medio século como consecuencia de Filomena, agora comezan a baixar os termómetros, con temperaturas siberianas a partir do luns.
Será unha vaga de frío inusual e moi adversa, que fará que, por exemplo, Madrid tarde días en volver á normalidade. Prevese que se poidan bater rexistros de temperaturas máis baixas xamais alcanzadas na capital.
Malia que o peor do temporal pasou, continuará a nevar na zona central de Aragón e no interior de Cataluña, ademais de na Rioxa, o interior do País Vasco, Navarra e Cantabria, onde se poden acumular de cinco a dez centímetros máis.
O paso de Filomena afecta 716 estradas, con 165 delas cortadas, tres delas na rede principal, en Xirona, en Toledo e en Badaxoz.
O Goberno pide extremar as precaucións e evitar os desprazamentos.