A luz pulveriza outro récord histórico e ao longo do día pagaremos unha media de 154 euros o megawatt
Novo esprinte do prezo da luz, que hoxe pulveriza outro récord histórico. Ao longo do día, pagaremos unha media de 154 euros o megawatt, dez euros máis ca onte, e case catro veces o que pagamos nestas datas hai un ano. Por franxas horarias, o máximo chegará aos 170 entre as nove e as dez da noite.
En plena escalada de prezos dos recibos da luz, no Congreso debaterase o chamado Fondo Nacional para a Sostibilidade do Sistema Eléctrico, que en decembro se comezara a tramitar de urxencia e co que o Goberno pretende abaratar a factura da luz un 13 %. O proxecto de lei penaliza os combustibles fósiles co obxectivo de avanzar cara á electrificación da economía.
O prezo da luz en máximos históricos está poñendo en tensión o clima político. O Partido Popular iniciou este sábado unha campaña na rúa para denunciar o que cualifican de "parálise" do Goberno ante a suba continua da factura da luz. O executivo prevé aprobar mañá no Consello de Ministros o plan de medidas para abaratar os recibos, que inclúe entre outras unha subministración mínima vital para fortalecer a cobertura aos consumidores vulnerables, ampliar o autoconsumo, reducir impostos e regular as concesións hidroeléctricas.