A lotería de Sanxenxo vendeu xa case todos os décimos de Nadal
A administración de loterías de Sanxenxo non ten estes días a afluencia de clientes que hai na maioría destes negocios nos días previos ao sorteo do Gordo. Porque aquí o groso das vendas de Nadal fano no verán. Este martes á mañá quedábanlle menos de cincuenta décimos á venda e só rematados en cero, un e dous. Segundo o propietario, vendeu para o sorteo do domingo uns 70.000 décimos.
Cholo Moldes, propietario da administración de loterías de Sanxenxo: "Penso que é un aumento de vendas do dez por cento tranquilamente, do ano pasado a este. Levan, seguro, de todas as provincias. No verán, veñen clientes de todas as provincias".
E, como non, a maioría da clientela nas primeiras horas desta mañá xa case de inverno está de vacacións.
"De vacacións, exacto. E lévoo para Mallorca a ver se me toca e volvemos de vacacións aquí a Galicia", di Manoli, que acaba de mercar un décimo.
Javier, outro comprador, di que "estou aquí de vacacións e para probar se mercando lotería noutro lugar toca, pois nos últimos anos merco aquí a de Nadal e, nada, probando sorte como toda España, imaxino".
Nun grupo de tres mulleres que saen da lotería, unha di que "viñemos de vacacións a Sanxenxo e achegámonos aquí a mercar lotería".
O dono da administración de loterías de Sanxenxo lembra que aínda que en décimo clásico non ten variedade, o dispositivo telemático permítelle vender números de terminacións moi diversas.