A listaxe de países e zonas de alta incidencia de COVID-19 publicarase este martes

A Xunta publicará este martes a listaxe de países e zonas de alta incidencia de coronavirus co obxectivo de que os viaxeiros procedentes destes lugares que cheguen a Galicia comuniquen con carácter obrigatorio os seus datos de contacto.
Segundo trasladaron fontes da Consellería de Sanidade, esta orde publicarase este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG), despois de que a medida fora avanzada o pasado xoves polo presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, en conferencia de prensa logo do Consello da Xunta.
Os viaxeiros que cheguen a Galicia procedentes de zonas de alta incidencia de coronavirus, xa sexa doutras comunidades españolas ou do estranxeiro, deberán notificar "con carácter obrigatorio" os seus datos de contacto e tempo de estada.
Así, os viaxeiros deberán notificar á comunidade galega a súa viaxe a través do teléfono de atención do coronavirus (881 00 20 21) ou da web (coronavirus.sergas.gal).
Contarán cun prazo máximo de 24 horas para facer a comunicación desde a súa chegada, e esta listaxe renovarase quincenalmente.
Núñez Feijóo subliñou a semana pasada que esta medida ten como obxectivo o "diagnóstico precoz" e estar "preparados para detectar con carácter rápido" as persoas que estean infectadas.
Pola súa banda, os establecementos de aloxamento turístico estarán obrigados a informar desta medida aos seus clientes, do mesmo xeito que as axencias de viaxe, operadores turísticos e compañías de transporte aéreo, marítimo ou terrestre.
Tamén deberán facelo as empresas que trasladen a Galicia traballadores por motivos laborais.
Facilitaráselles a todos os viaxeiros un contacto por se teñen algún síntoma. Os residentes a través do seu médico de cabeceira e os fóraneos mediante o número de atención do coronavirus.