A liña Vigo-O Porto terá mellores trens dentro dunhas semanas
En cuestión de semanas, a liña de tren Vigo-O Porto contará con máis frecuencias e tamén trens máis actuais. Esta mañá os nosos veciños portugueses inauguraron preto da fronteira o novo tramo que permitirá estes avances.
Na estación de Valença do Minho, o Goberno luso quixo deixar clara a súa aposta pola conexión con Galicia e a vertebración do norte de Portugal co resto do país coa presenza do primeiro ministro, António Costa.
Para ir de Vigo ao Porto en mellores trens aínda faltan uns detalles na parte galega, responsabilidade do Estado español, pero dende ADIF dinnos que é cuestión de semanas.
Hai que matizar que esta mellora non ten nada que ver coa alta velocidade anunciada, para iso aínda falta. Este acondicionamento da vía responde a unha antiga esixencia dos usuarios porque o chamado tren Celta era un modelo obsoleto.