A Limia volve recoller á man a pataca Kennebec para garantir a calidade
Vai para cinco anos que Amador decidiu aparcar a cultivadora á hora de recoller as patacas da variedade Kennebec, amparadas polo selo Pataca de Calidade, para facelo a man.
Amador Díaz, produtor de pataca da Limia: "A agre si que a recollemos a máquina porque resiste máis, pero a Kennebec volvemos aos pasos de antes. Moitas veces cando pelamos unha pataca ou a cocemos, ponse negra por dentro ou leva golpes no exterior. Iso é producido polos danos das máquinas. Deste xeito evitamos que iso chegue o consumidor".
O incremento da demanda fai que cada vez sexan máis os produtores que opten pola variedade Kennebec que actualmente representa entre 10 e un 15 por cento da produción total da Limia. Ao igual que Amador practicamente todos fan recollida manual e iso dificulta conseguir man de obra.
"Hai unha cuadrilla que vive permanentemente en Xinzo e botamos man deles. Imos facendo quendas entre os produtores. Isto si que quere sol. Estes días de atrás non puidemos coller porque estaba chovendo", di Amador.
Un grupo de entre 12 e 14 xornaleiros pode recoller ata 80 mil quilos ao día, unha cultivadora arredor de 120.000. O traballo manual continúa no almacén. Un tratamento que incrementa o custo pero garante a calidade.