CRTVG

Buscar

A Liga ve inxusto e desleal o informe do CSD do caso Fuenlabrada

Publicado o 22/07/2020 23:37
A Liga ve inxusto e desleal o informe do CSD do caso Fuenlabrada

A Liga cualificou de "inxusto" e "desleal" o comunicado do Consello Superior de Deportes (CSD) en que este mércores poñía a patronal como parte responsable de "erros graves" no seguimento do protocolo durante os casos de coronavirus no Fuenlabrada que fixeron suspender o seu partido do luns en Riazor. A Liga enviou un informe do sucedido ao CSD, e o Goberno respondeu cun comunicado crítico coa actuación de LaLiga e dun Fuenlabrada que, segundo o CSD, non debeu viaxar á Coruña.

Con todo, a patronal aclara ao CSD distintos aspectos e puntos básicos da actuación nestes días. En primeiro lugar, a Liga de Fútbol Profesional que preside Javier Tebas lembra na súa nota o traballo, xunto ás autoridades, por lograr un regreso do fútbol sen incidentes, cun protocolo ao que "non achegou" nada o CSD, pero cuxo protocolo é moi similar ao enviado pola Liga. "O protocolo do Consello Superior de Deportes é ata tal punto similar ao enviado por LaLiga, que nos sentimos reconfortados ao entender que o traballo que estabamos a realizar era útil para a recuperación do noso país", di, e destaca os eloxios recibidos despois do final de LaLiga Santander unha semana antes

Respecto a LaLiga SmartBank e aos positivos que xurdiron do Fuenlabrada na última xornada, a Liga resume as súas actuacións desde que o sábado apareceu un positivo: illouse o xogador. "É sorprendente que no comunicado emitido polo CSD se nos acuse de non ser dilixentes á hora de comunicar o positivo, cando a Real Decreto-lei 21/2020 establece que son os laboratorios que realizan as probas os que deben remitir esta información", di A Liga, que coincide neste sentido co comunicado que tamén publicou o propio Fuenlabrada.

"Persisten no seu erro cando fan referencia aos brotes: quen determina que é un brote non é nin a Liga nin o Consello Superior de Deportes, é a Comunidade Autónoma, que, unha vez recibida a información por parte do laboratorio, inicia un estudo cos seus servizos de vixilancia epidemiolóxica e determina se hai vínculos ou non entre os afectados", engade.

Ademais, a Liga ve tamén erro do CSD entre o concepto de "illar" e o de "apartar". "En caso dun positivo, íllase o afectado, e o resto da expedición apártase do devandito afectado ata a obtención dos resultados das súas probas médicas, como así se fixo. Aplicouse, en todo momento, un principio de prudencia. Iniciouse a viaxe cos membros do equipo que deron negativo en dous PCR e un test rápido", explica, cos detalles da viaxe, con filtro especial no aeroporto, chárter. "Pode existir algunha dúbida sobre se o equipo estaba suficientemente apartado dos positivos e de que as medidas adoptadas salvagardaban o resto dos cidadáns? Tómanse estas mesmas medidas e precaucións con todas as persoas que chegan ao noso país e ás nosas cidades?", reflexiona. Desta forma chegou o momento en que se tivo que decidir suspender o partido do luns, a pesar das consecuencias para o desenlace da competición. "No mesmo momento en que se tivo confirmación da existencia de resultados positivos nas últimas PCR realizadas e entendendo que non se podía disputar o partido comunicouse a todos os organismos competentes", di.

"A acusación de falta de dilixencia é como pouco desleal e inxusta, xa que desde o mesmo momento en que se tivo constancia dos resultados estes foron comunicados. A decisión sobre o desenvolvemento da xornada foi en todo momento acordada e pactada pola tres partes: CSD, RFEF e a Liga", engade.

O comunicado da Liga termina sinalando a presidenta do CSD, Irene Lozano. "Cremos que con comunicados como o emitido hoxe pola presidenta do CSD só se consegue crear dúbidas, sementar confusión e dar unha imaxe de descontrol e falta de rigor. A nosa institución ponse ao dispor de todos os estamentos para aclarar as posibles dúbidas que poidan xurdir", termina.

 

Noticias web

22/07/2020