CRTVG

Buscar

A liberdade de movementos pola Noitevella nótase timidamente nas estradas e nas estacións

Publicado o 30/12/2020 18:31

• Poderemos viaxar para ver a familia ata a noite do día 1

• Sanidade recomenda limitar os desprazamentos

O tráfico de coches nas estradas galegas comezou a aumentar xa ao mediodía deste mércores. A posibilidade de viaxar a calquera concello ou provincia ata o día 1, fan que moitos aproveiten para ir ver a familia.

Tamén se nota máis movemento nas estacións de autobuses ou de tren. En Santiago as frecuencias son as habituais de calquera día. Os trens de cercanías teñen o movemento normal. Onde máis se nota a afluencia de viaxeiros é nos percorridos de longa distancia, coma os trens que van a Madrid.

Galicia volve permitir a mobilidade para encontros familiares igual que en Noiteboa e Nadal. Desde hoxe os galegos podemos viaxar dentro da comunidade para xuntarse cos nosos. 

Desde a pasada medianoite, todos os galegos poden circular libremente polo territorio, a mesma medida de Noiteboa e Nadal, días en que se dispararon os desprazamentos. Só é para visitar familiares e remata o día 1 ás once da noite, hora en que volverán activarse os peches perimetrais. 

Hainos que xa aproveritan e comezan a moverse para xuntarse cos seus. Os peches perimetrais quedaron desactivados a pasada noite e os galegos podemos desprazarnos entre concellos e provincias. Aínda así, moitos non o van facer, prefiren gardar distancias e dar a benvida ao 2021 antepoñendo a saúde.   

A mesma apertura produciuse os días de Noiteboa e Nadal, nos que o conselleiro de Sanidade salientou o comportamento impecable dos galegos. Comesaña insiste nos desprazamentos mínimos e que as celebracións sexan no ámbito estritamente familiar.

Os que viaxen para despedir o ano terán quer volver o día 1 antes das once da noite. A partir desta hora os peches perimetrais volven a activarse naqueles concellos en que xa estaban vixentes. 

Primeiros desprazamentos

A diferenza doutros anos por estas datas, non hai unha gran afluencia de xente en estacións e aeroportos. A apertura da mobilidade para Noitevella e Aninovo comeza a notarse nas estacións, aínda que timidamente. Entre os usuarios de cercanías, visitas médicas, de traballo e algún que aproveitaba o levantamento do peche perimetral para visitar a familia.

Onde se notaba unha maior afluencia de viaxeiros era nos percorridos de longa distancia, coma no AVANT da Coruña cara a Madrid.

Cómpre lembrar que o rexistro de viaxeiros é obrigatorio para todos aqueles que cheguen de lugares cun nivel de incidencia igual ou superior a 250 casos por cada 100.000 habitantes. A última actualización do Sergas inclúe Madrid, Cataluña, Castela-A Mancha, Baleares, Valencia e Estremadura. 

 

 

Noticias web

30/12/2020