O Parlamento de Galicia aproba a Lei de residuos e a Lei de museos cos votos do PP
O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a Lei de residuos e solos contaminados de Galicia e a Lei de museos e centros museísticos.
A lei de residuos saíu adiante cos votos en solitario do Grupo popular, maioritario na cámara e co voto en contra dos deputados dos dous grupos da oposición, aos que non se llles aceptou ningunha emenda.
A lei consta de 94 artigos e ten como fins fomentar a economía circular, a loita contra o cambio climático e a estabilización e redución de residuos. Para iso, no seu articulado establece, entre outras medidas,a prohibición dos plásticos dun só uso e obriga aos restaurantes a entregar o excedente de comida aos clientes.
Tamén establece para 2023 a recollida municipal separada dos biorresiduos.
Na defensa do novo texto legal, a deputada do PP Marta Nóvoa, destacou que "Galicia estivo sempre na vangarda da xestión de residuos" e que con esta nova lei "somos pioneiros" porque, dixo "adiántámonos á normativa básica estatal". Explicou que a lei "incide sobre todo na prevención".
Desde o BNG, Luís Bará censurou que o grupo maioritario vetara as achegas de diversas organizacións e entidades. Considera que "Galicia está na cola" en materia de reciclaxe e cre que a lei fixa "solucións fracasadas" porque mantén Sogama, "unha grande fábrica de gases de efecto invernadoiro".
Pola súa banda, a deputada do PSdeG Paloma Castro, tamén lamentou que se manteña o modelo de Sogama e asegurou que a lei "chega tarde" e é un "exemplo de maquillaxe e lavado de cara".
A outra norma que quedou aprobada, tamén cos votos en exclusiva do PPdeG, foi a nova Lei de museos.
Plan de reactivación económica
Recibíronse 28.000 solicitudes para relanzar negocios e pequenas empresas. Quedan aínda 7.000 por tramitar. Son 270 millóns de euros que tentan paliar na medida do posible os danos económicos desta pandemia.
Desde a oposición, din que esas axudas directas do Plan de reactivación son insuficientes e que chegan tarde.