CRTVG

Buscar

A lei de protección animal esixirá un curso formativo para propietarios dos cans

Publicado o 07/10/2021 15:34

"Un curso, o que considero é que hai que ter sentido común". "Se hai xente que non sabe coidar os animais viría ben, véxoo normal".

As opinións sobre ese curso formativo que prepara o Goberno para os propietarios de cans xeran controversia. O texto tamén establece que quedará prohibido vender animais, agás os peixes, en tendas ou por criadores non autorizados, algo que xera malestar nos propietarios destes negocios.

Juan Carlos Troitiño é propietario de tenda de mascotas: "Paréceme absurdo lexislar algo que xa está lexislado e penso que de forma correcta, despois penso que o problema non somos as tendas de mascotas, que somos uns establecementos que facemos coidado e fomento do coidado destes animais. Penso que o problema vén do comercio ilegal de mascotas a través das plataformas de Internet".

Outro dos puntos que xera debate é a desaparición da categoría de cans potencialmente perigosos.

Octavio Villazala, xerente do centro canino Montegatto, cre que "habería que eliminar a lei de cans potencialmente perigosos e facer outra lei que non foaw exactamente con ese nome pero que tivese en conta que hai cans que poden ser perigosos en potencia. Discriminar se son pequenos, grandes, unha raza ou outra, iso xa é máis complicado e habería que pararse moitísimo máis".

Agustín Fontán é o presidente da Sociedade Canina Galega, asegura que "por fin se lle quite ese sambenito a determinadas razas, mal chamadas razas perigosas. Non existen razas perigosas, existen individuos que ás veces están desequilibrados, por isto hai o labor tan importante que non se contempla na nova lei que é a do criador afeccionado".

Trátase dun primeiro borrador que deberá pasar polo Goberno e o Congreso. O executivo espera que entre en vigor antes do ano 2023.

Noticias web

07/10/2021