CRTVG

Buscar

A lei de eutanasia do PSOE, primeira iniciativa que tramitará o Congreso

Publicado o 28/01/2020 12:58
A lei de eutanasia do PSOE, primeira iniciativa que tramitará o Congreso

A portavoz do grupo parlamentario socialista, Adriana Lastra, avanzou este martes que a primeira proposición de lei que tramitará o Congreso será a lei de eutanasia do PSOE, ao ser o grupo maioritario, e lembrou que é "unha lei que está a esperar moita xente neste país".

En declaracións aos medios ao termo da Xunta de Portavoces, Lastra explicou que o seu grupo xa comezou a rexistrar a que quere que sexa a súa "folla de ruta" como grupo parlamentario e aquí citou iniciativas como a memoria democrática, contra o chamado veto parental, a loita contra o cambio climático e, este martes, unha sobre os desastres naturais.

Lastra tamén se referiu aos orzamentos que os socialistas van levar á Cámara Baixa e que serán "sociais, expansivos, investidores e positivos para toda España e tamén para Cataluña".

A portavoz socialista considerou que o Goberno empezou "ben" e conseguirá aprobar uns bos orzamentos pese ao "ruído" da dereita mediática.

Neste sentido, referiuse aos acordos alcanzados cos axentes sociais para subir o salario mínimo interprofesional (SMI) e o soldo dos funcionarios.

En definitiva, dixo, "gobernabilidade e estabilidade; que non haxa venres negros, senón martes ilusionantes".