CRTVG

Buscar

A lava móvese máis rápida ca nunca e os expertos prevén tremores máis fortes

Publicado o 15/10/2021 20:20

Nunca ata agora víramos unha coada moverse a tal velocidade pola illa da Palma. O río de lava que baixa do Cumbre Vieja cara La Laguna chegou esta noite a percorrer 250 metros nunha hora. Este avance tan rápido obriga a ir cambiando sobre a marcha os permisos para recoller enseres ou entrar a regar as plataneiras.

Polo de agora non hai previstas novas evacuacións, pero a situación podería cambiar en calquera momento. Así que o comité científico reunirase este sábado cos veciños de Tazacorte para mantelos informados e responder as súas dúbidas ante unha posible emerxencia.

Esta mañá, os sismógrafos volveron rexistrar un terremoto de 4,5 graos. E, segundo os expertos, os tremores poderían aumentar en intensidade nas próximas horas: "Existe unha probabilidade alta de tremores por riba de 4,5 e estanse producindo sismos de alta intensidade a profundidades de máis de 30 km e que se van sentir pola poboación en xeral", explica Rubén Fernández, director técnico de PEVOLCA (Plan de Emerxencias Volcánicas das Canarias).

Polo de agora, todos os indicadores apuntan a que a erupción da Palma pode prolongarse durante semanas.A lava soterrou xa 732 hectáreas de terreo e máis de 1.800 edificios.

O próximo luns retomaránse as clases nos centros educativos dos tres concellos afectados pola erupción.



 

Noticias web

15/10/2021